Erro
  • JUser: :_load: Unable to load user with id: 63

Artigos

DEVANDAINA 2013

Detalles
Visitas: 5116

Vídeo do día das Letras Galegas 2013....

Neste curso, incorporáronse novos compoñentes, os cales achegaron: requinta,  pandeireta, canto e baile

OS COMPOÑENTES

Amillo (Acordeón): Só levo tres anos tocando o acordeón e nunca pensei que traballar a música en grupo fóra tan difícil, pero ao mesmo tempo é moi agradecido.

Anxos (requinta, pandeireta, canto e baile). Ó comezo deste curso, que é o primeiro ano para mín neste centro, e gracias a Nieves, engancheime ó grupo con moito gusto…

E a verdade é que o motivo principal do que aprendin a facer no que chaman “mundo do tradicional” por amor á música, á nosa cultura…ese é o motivo principal. Para mín sempre vai unido ás nosas festas e romerías, a diversión, festa, o que todos sabemos ;o)

A miña andaina empezou xa de pequeniña, bailando en “Orballo” e despois, pois fun aprendendo en varios sitios: pandeireta con “Morgan” na Asociación A Xuntanza en Santiago de Compostela e Xosé Maceda en “Peleriños” (Sarria), onde tamén recibín clases de baile, ademáis de con Xabier Iglesias en Cántigas e Flores, Monste Rivera na Tradescola (aquí recibín clases de canto de Begoña Lorenzo e de requinta con Bruno Villamor)

O Canto? Empecei a cantar tamén de pequeniña, estiven no “Orfeón Terra A Nosa” de Santiago de Compostela, estudiei tamén canto con Guadi Galego no Conservatorio Folque de Lalín, onde tamén aprendin de baile con Serxio Cobo, tomei clases en Aulos e Fábrica de Sons, de solfeo en varios sitios…tamén din clases a pequeñas de baile, pandeireta e canto…de todas formas, son da opinión de que onde máis aprendes é indo a festas, seráns, foliadas, das que hai moitas por toda Galicia durante o ano e onde coñecín a moita xente e paseino moi ben

Agora mesmo? Sigo estudiando danza e requinta, xa pola miña conta…e a verdade é que disfruto de todo o que me aprenderon ó longo destes anos en festas, foliadas e demáis con xente que coma nós ó que máis nos gusta é disfrutar e recrear o noso rico patrimonio.

Pepe Romero (gaita e requinta). No ano 2005, uns amigos da asociación cultural Penas de Rodas  leáronme para ir ás clases de gaita, recordo que ó principio foi complicado, pensei que non era capaz: se tocaba non sopraba, e se sopraba non tocaba; a poder de insistir e insistir a gaita empezou a soar e o gaiteiro empezouse a animar, e a medida que ía aprendendo unha peza xa estaba pensando na seguinte. Tiven como profesores a Luis Rodil, Brais Monxardín e na actualidade a Oscar Rodriguez. E como isto da música non ten fin, un día apunteime na Tradescola ás clases de linguaxe musical con Menchu Saborido, mais tarde  a requinta con Bruno Villamor, e neso seguimos, disfrutando da nosa música tradicional e dos bos  momentos que se pasan cando imos ás romerías e foliadas, e agora tamén, cos compañeiros e compañeiras deste proxecto Devandaina.

Nieves (acordeón). O meu é unha vocación tardía pero con moita disciplina de nena. Na casa querían que tocara o acordeón si ou si e empecei con 8 anos “si ou si”. E entrei na rondalla de Pepe o Asturiano, en Sarria,  quen nos ensinaba a cada un dos instrumentos  por separado, máis ou menos, e despois tocábamos xuntos. E de peza en peza, a poucos entre esa responsabilidade de tocar  en alguna actuación  e, na casa, co meu pai que me axudaba bastante,  chegou o momento de deixalo por esto e por aquelo.

De repente, un dia escoitei na aula de profesores do  Politécnico falar de tocar o acordeón e xa está, nese momento entroume a vocación. Agora gústame moito máis, e quero seguir aprendendo e compartindo bos momentos. A música tradicional e a súa xente  merecen moito a pena e compensan o esforzo desa parte de disciplina que ten que haber para  poder ir mellorando.

Alumnado do CS de Educación Infantil.
"Para as alumnas/ alumnos do ciclo de Educación infantil, foi unha boa experiencia participar nun coro de canto tradicional cos instrumentos galegos máis típicos, porque foi algo novo dentro do noso ciclo.
Aínda que 3 das alumnas xa tiveron experiencia en tocar os instrumentos musicais galegos como as pandeiretas.
As cancións foron fáciles de aprender e outras xa eran coñecidas, por nós xa que moitas delas eran tradicionais como "A saia da Carolina".
Unha das cancións que máis nos gustou foi a de "Se Chove" de Treixadura.
Por outra banda, a organización de xogos tradicionais foi unha nova experiencia para nós, conxuntamente, como grupo, coordinámonos moi ben a hora de organizar os xogos, os espazo, e os materiais.
Debemos agradecer a participación dos demáis ciclos á hora de participar nos xogos, xa que sen eles non serviría de nada o noso traballo.
Debemos mencionar que todo este traballo foi realizado nos módulos de: “Expresión e comunicación” e “O xogo e a súa metodoloxía” e agradecer a atención e axuda da nosa profesora Anxos Garabana así como ao resto de profesores deste ciclo por deixar tempo no horario de clase para poder levar a cabo estás actividades e participar con nós nelas”

 

TAMÉN COLABORARON CON NOS

Susana (pandeireta e canto). A miña primeira incursión na música tradicional galega foi, moito ó meu pesar,  fai 7 anos, da man da mestra de pandeireta e canto, Branca Villares. Ela guioume no descubrimento de parte da miña identidade cultural, e dende entón,  participo activamente en reunións musicais, as cales me permitiron e permiten relacionarme con grandes músic@s, fomentando  a colaboración e a creatividade.

Neste curso académico, no que realicei as prácticas do Máster de Formación do Profesorado no CIPF Politécnico de Lugo, fun convidada a colaborar no proxecto Devandaina. Sempre agradecida pola oportunidade de vivir unha experiencia coma esta. Entre xotas, pasodobres, foliadas e muiñeiras, foise forxando a complicidade, a pequena aportación de cada un de nós cara a consecución dun fin común. A posibilidade de compartir esa esencia galega que todos nós levamos no corazón. A relación cos docentes e discentes máis aló da práctica educativa diaria.

Desexaría que fose o principio dunha prometedora  andaina.

Eva (acordeón). Entrei pola porta do Politécnico un bo día coas miñas compañeiras da compañía de danza da USC para facerlles  ás alumnas do ciclo de Educación Infantil un pase-obradoiro da coreografía que tiñamos montada e na que eu tiña unha pequena parte con acordeón. Ao rematar, Nieves (que segundo me confesou despois aprendera a técnica de Romero), lioume nun plis para que acudise ao seguinte ensaio.

Eu, que me apunto a un bombardeo se fai falla cando de tocar se trata, acudín á cita encantada e desfrutei  arreo tocando con ese maravilloso coro de rapazas e con ese aturuxador oficial, o único rapaz que hai nel, meu irmán, do que me sinto particularmente orgullosa.

Sentimentalismos aparte, é mester darvos os parabéns pola iniciativa, pois por unha banda, a música é expresión de sentimentos e expresalos axúdanos a ser máis felices (unha cita da que gosto arreo), e por outra, a música tradicional en concreto é a memoria do pobo, requisito indispensábel é pois,coñecela e desfrutala para que a colectividade que nos fai ser en singular non se esmoreza xamais.

Mónica (bombo): Cando soamente tiña 6 aniños, iniciei case sen sabelo a miña formación no eido da cultura tradicional en Cántigas e Frores e da man de Marisa, Merche e Yolanda, as miñas profesoras de baile durante moitos anos. Pouco a pouco e sen deixar o baile, foime interesando tamén a nosa música, e  iniciei a miña formación noutros instrumentos,  achegandome á percusión, e un tempo despois aprendendo a tocar a gaita e a zanfona da man dos meus mestres e amigos Bruno Villamor e Luis Correa “O Caruncho”. Foron moitas as horas adicadas a traballar, tocar, ensaiar, asistir a cursos, etc, pero tamén foron moitos os momentos inesquecibles que me deu este mundo da música e do baile tradicional, tocando en festas, romerías, foliadas, concertos ou chegando incluso a actuar na mismísima Muralla China.

Formei parte de grupos como Veria, Canta tí,…e impartín clases de baile, canto, pandeireta e percusión en distintas asociacións e centros educativos da provincia.

Hoxe en día, sigo estando moi vinculada coa cultura tradicional, xa que ademais de seguir formando parte do Grupo de Baile e da Banda de Gaitas de Cántigas e Frores, no eido laboral adícome á coordinación da Tradescola, un proxecto xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos que naceu na cidade de Lugo no ano 2008 e que está a ser un centro de formación especializado na música e no baile tradicional. ( por certo, a Tradescola está moi pretiño do voso centro, no Centro LUG 2, na rúa Pintor Corredoira nº 4, por se algún de vos quere facernos unha visita…)

Na Tradescola foi onde coñecín a Nieves, excelente acordeonista e a Pepe Romero, un gran gaiteiro e requinteiro, que transmiten o seu entusiasmo alá por onde van. Un día Pepe faloume do grupo Devandaina, do CIFP Politécnico de Lugo, e como precisaban unha bombeira, aquí  me presentei, atopándome tamén con Anxos, a quen xa coñecía de pasar moi bos momentos tocando e bailando, e co resto de componentes, que me fixeron sentir dende o primeiro día como unha máis; o dia 15 de Maio,  na miña primeira actuación co grupo paseino xenial e alegroume moito ver o traballo que  se está facendo, espallando a nosa música e facendo participes dela a moitos alumnos do centro. Espero poder seguir colaborando con todos vos durante moito tempo!!!